Nun acto celebrado o pasado xoves 3 de marzo no Institut d’Estudis Catalans presentouse o colectivo Conservació.Cat, un colectivo de profesionais da conservación da natureza formado por persoas de diversa procedencia (biólogos, ecoloxistas, enxeñeiros forestais e agrónomos, xeólogos, xeógrafos, economistas…) e que traballen por conta propia ou vinculados á administración pública, a organismos ou entidades ambientais, empresas ou centros académicos.

Durante o acto presentouse o primeiro traballo do colectivo, un documento elaborado nos últimos meses, que leva por título “Plan de actuación para a conservación do patrimonio natural de Cataluña”. Trátase dunha folla de ruta para afrontar os principais retos identificados e conseguir que as políticas de conservación recuperen o lugar que lles corresponde, de acordo cos valores e potencialidades que teñen en Cataluña. O Plan estrutúrase en sete áreas temáticas que, sen pretender ser exhaustivas, agrupan aquelas propostas que na actualidade se consideran máis prioritarias e urxentes:

1. Crear novas estruturas organizativas e institucionais para mellorar a gobernanza do patrimonio natural.
2. Establecer o marco legal e aprobar e desenvolver as estratexias necesarias para garantir a conservación do patrimonio natural de Cataluña.
3. Afondar no coñecemento do patrimonio natural e da biodiversidade de Cataluña.
4. Planificar e xestionar eficazmente os espazos naturais protexidos e os distintos elementos que integran o patrimonio natural do país.
5. Garantir e concretar a prevalencia e transversalidade do patrimonio natural nas políticas sectoriais.
6. Considerar o valor do patrimonio natural na economía catalá, reforzar o financiamento da conservación e atender á responsabilidade exterior de Cataluña na conservación da biodiversidade global.
7. Mellorar a comunicación, formación e educación en materia de patrimonio natural, promovendo a implicación da sociedade na conservación da natureza.

Joan Pons, membro do INSTA e responsable da Área de Acción Ambiental e Territorio, forma parte do colectivo Conservació.Cat e aportará a súa experiencia e coñecementos en áreas como a regulación normativa da conservación do medio natural en Cataluña, a xestión dos conflitos ambientais e o traballo co terceiro sector medioambiental.

Máis información en: www.conservaciocat.org